O ALBERGUE DE PEREGRINOS

“VIRXEN PEREGRINA”

 

Pontevedra, capital do Camiño Portugués, é paso obrigado para os peregrinos que, vindo de Portugal diríxense cara a tumba do Apóstolo Santiago.

O Albergue de peregrinos “Virxe Peregrina” de Pontevedra púxose en funcionamento o 11 de Agosto do Ano Santo de 1999. A Fundación fíxose cargo do mesmo tras asinar o convenio de colaboración coa Sociedade de Xestión del Xacobeo quen recoñeceu a función de hospitaleiros que xa viñamos desempeñando no Cuartel de Parque e Talleres de Pontevedra, cedido gratuitamente polo Exército español para a acollida dos peregrinos.

Preside a entrada ó Albergue unha imaxe de pedra da Virxe Peregrina doada pola Asociación de Amigas/os do Camiño Portugués. Así mesmo no exterior esta presente unha figura en bronce do escultor J.M. Acuña que representa a hospitalidade de Pontevedra: "da de beber a quen pasa..."

      

A Fundación encárgase non só da atención ós peregrinos, se non tamén da limpeza, seguridade e coidado do Albergue e o seu entorno. Para levar a cabo estas funcións a Fundación conta coa inestimable axuda dun grupo de hospitaleiras/os voluntarios que manteñen ó Albergue atendido durante todo o ano.

No Albergue de Pontevedra lévanse atendidos, desde a súa posta en funcionamento no ano 99, un total de 39.751 peregrinas/os dos que 14.525 corresponden o Ano Santo 2004. Con independencia dos picos de afluencia que os Anos Santos supoñen existe unha clara tendencia á alza no número anual de peregrinas/os; así no ano 2006 pasaron polo Albergue algo menos de 5.300 peregrinos mentres que no 2007 foron algo máis de 6.200.

En canto ós peregrinos o perfil que máis abunda é o do peregrino varón, duns 45 anos e con estudios medios ou superiores; e aínda que son moitos os que fan o Camiño seguindo unha motivación cultural o Camiño conserva un forte sentido espiritual cando non relixioso.
Outro tipo de peregrina/o é o "pillo" que esquecendo que os Camiños deben facerse con respeto, solidariedade e humildade buscan unicamente aproveitarse da boa fe dos demais, reclamando servizos de hotel e tratando ós voluntarios, que ceden o seu tempo e esforzo gratuitamente, como persoal ao seu servizo. Son estes o punto negro da peregrinación aínda que afortunadamente, son os menos.
Non debemos esquecer, por último, o peregrino que chamamos "pícaro", que é o que está no Camiño. É aquel que iniciou a súa peregrinaxe hai xa varios anos, que chegou a Compostela e percorreu varios Camiños e que fixo da peregrinación o seu "modus vivendi". Esta persoa forma parte da cultura milenaria do Camiño de Santiago.